Traxe de Peliqueiro
O traxe de Peliqueiro forma parte do noso patrimonio cultural e a súa conservación débese á herdanza de moitas xeracións. A confección dun traxe de Peliqueiro debe ser unha ponte entre o pasado e o presente para prolongar a asegurar a súa conservación.
Componse de diferentes partes ou elementos entre as que destacamos a chaqueta e o pantalón. Estas son as partes principais da confección do traxe. Debido á súa complexidade requiren 15 días de traballo, son pezas á medida de xeito meticuloso, na súa meirande parte cosidas á man, polo que se pode dicir que a confección dun traxe de Peliqueiro require unha costura a lume lento.
O traxe
Na orde na que unha persoa viste o traxe de Peliqueiro, os compoñentes serían os seguintes:
Primeiramente póñense as medias interiores que adoitan ser lisas, de licra e de diferentes cores. Sobre estas, vístense medias caladas de fío, que deixan entre ver a cor das interiores. Sobre as medias, á altura do xemelgo colócase unha liga de tea, lazo, puntilla ou abalorios.
O Peliqueiro calza zapato negro de vestir con cordóns. Camisa branca de pescozo clásico con botóns e tirantes. Sobre as medias caladas colócase o pantalón, de gran peso, que será suxeitado polos tirantes.
A camisa e o pantalón enfaixase cunha faixa de algodón de cor, cubrindo a loneta branca do pantalón ata a altura dos encaixes. Colócase a grabata e a chaqueta, e sobre esta, un pano de tea liso ou decorado, con ou sen flocos collido por tres broches, un no centro das costas e dous a cada un dos lados da dianteira da chaqueta.
Finalmente, os últimos accesorios, a carauta, de bidueiro e aluminio; a zamarra, de madeira e coiro; e o cinto de pel con seis chocas de ferro e bronce.
O Peliqueiro calza zapato negro de vestir con cordóns. Camisa branca de pescozo clásico con botóns e tirantes. Sobre as medias caladas colócase o pantalón, de gran peso, que será suxeitado polos tirantes.
A Chaqueta
A chaqueta está feita con loneta e veludo de algodón de diferentes cores.
Tradicionalmente as cores principais eran o vermello, verde e azul. Hoxe en día é posible atopar veludo apropiado para o traxe nunha decea de cores.
No traxe de Peliqueiro a chaqueta é curta, chegando só a cubrir o peito. Pola súa forma e os seus decorados aseméllase a un traxe de luces dun toureiro.
Os galóns decoran o peito, as costas e as mangas, que se rematan con veludo e tres botóns.
Sobre cada ombro colócase unha charreteira feita á man sobre aluminio e poliestireno extruido decorada con floco dourado, igual que a parte baixa da chaqueta. A chaqueta asegúrase con tres lazos de cores permitindo o libre movemento do corpo do Peliqueiro ó correr e ó movela zamarra.
Cada chaqueta está feita a medida e as combinacións posibles son tantas como galóns. Tanto o proceso de confección como a obsolescencia dos materias fan de cada peza un produto de artesanía único e irrepetible.
O pantalón
Composto por un calzón de loneta de algodón sobre os que se dispoñen oito filas de encaixes de lás e tramos de veludo a ambos lados das pernas. As lás son cubertas por encaixes de fío branco de algodón do que colgan os pondóns. Aos lados, tres pondóns de lá.
O calzón está feito a medida, xa que debe quedar a unha altura determinada do xeonllo e no ancho xusto da persoa.
Realízase a patronaxe sobre o tecido e cósese a máquina. As lás técense de xeito manual nun tear de madeira.
Os encaixes de algodón son feitos a gancho, unha labor minuciosa e traballosa que implica unha gran cantidade de tempo. Sobre os encaixes cósense os denominados pondóns, que son pompóns ou borlas de fío branco de algodón feitos a man.
Un pantalón de adulto leva en torno a 240 pondóns, mentres que un pantalón cativo levaría preto de 190 pondóns dispostos en 4 filas.